
Así o avanzou a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, acompañada da directora de Observer Science Tourism, Maite Vence Fernández, na presentación da creación desta Rede Profesional de Turismo Científico para o territorio dos Ancares e O Courel co fin de continuar impulsando novas iniciativas turísticas vinculadas á ciencia neste espazo natural da provincia.
García Porto subliñou que “na Deputación damos un paso máis para fomentar un turismo sostible nas Montañas de Ancares e Courel e impulsamos esta rede co obxectivo de que sexa unha plataforma de difusión, cooperación, deseño e planificación de novas estratexias que posicionen esta zona da provincia de Lugo como un destino turístico diferenciado, baseado na sustentabilidade, e vinculado ao turismo de natureza e á ciencia cidadá”.