Presentada a V edición do Concurso de Tapas de Lugo


A concelleira de Cultura e Turismo e vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, presentaron a décimo quinta edición do Concurso de Tapas de Lugo. 

O certame está organizado pola Apehl co patrocinio do Concello de Lugo e coa colaboración do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, de Estrella Galicia e do Servizo de Audivisuais da Fundación TIC. 

Durante o acto, tanto o presidente da Apehl como a concelleira de Cultura e Turismo amosaron o seu compromiso con esta iniciativa que, segundo aseguraron, é cada vez máis importante para a cidade e obriga ós hostaleiros “a dar o mellor de si mesmos e a poñer a imaxinación ao servizo dos padais”. 

O presidente da Apehl, Cheché Real, agradeceu a participación de todos os establecementos participantes, destacou o esforzo que o seu traballo implica e falou dun volume de negocio estimado de entre 180.000 e 200.000 euros. 

Os folletos-pasaporte do certame e os cupóns de votación estarán a disposición dos clientes en todos os establecemos participantes e, como o ano pasado, os sinalados cun “E” do logotipo de ... E para comer, Lugo son os locais gañadores dos últimos certames. 

Así mesmo, todos os carteis e trípticos do concurso estarán tamén presentes en todas as etapas de La Vuelta a España 2019, xa que “é importante facer as promocións fóra para que os turistas veñan, repitan e transmitan os nosos valores e a nosa excelente gastronomía”, engadiu. 

Como vén sendo habitual, os prezos das tapas estarán entre 1 e 3 euros e poderanse degustar, como mínimo, de 13:00 a 15:30 h e de 20:00 a 22:30 h.

Todos os locais terán a disposición dos clientes os folletos-pasaporte, que os consumidores deberán selar para poder participar nos sorteos desta edición. Aqueles que conten con selos de, canto menos, 23 establecementos optarán a unha viaxe dunha fin de semana para dúas persoas e os que consigan os selos dos 47 establecementos entrarán no concurso para gañar unha viaxe dunha semana para dúas persoas. 

O establecemento máis votado a través dos cupóns de votación do público será o galardoado co premio de gañador do concurso. Por outra banda, un xurado profesional encargarase de escoller durante os días da final, nos que as tapas xa non estarán a disposición do público xeral, cinco títulos máis: primeiro premio, segundo premio, terceiro premio, mellor maridaxe Estrella Galicia e mellor maridaxe Ribeira Sacra. 

Ademais, en relación co primeiro premio outorgado polo xurado profesional, Real engadiu que o gañador deste galardón será o que represente á cidade nos concursos galego e nacional de tapas, os cales, segundo adiantaron dende a Apehl, “están a piques de saír adiante”.