Presentación do programa do festival Feito a Man

O programa da 16 edición do festival Feito a Man foi presentado na Praza da Quintana, coa presenza de Ánxeles Porto por parte da organización; o responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; a concelleira de Cultura do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, e o representante de Estrella Galicia, Guillermo Fernández.

Polo Feito a Man deste ano pasarán case 50 propostas artísticas diferentes de diversos estilos musicais: pop, rock, blues, jazz, tango, swing, música tradicional galega... E tamén haberá presenza doutras artes e disciplinas, como a maxia, performance, poesía, baile ou cabaré.

Como vén sendo habitual, o groso do festival recae nos concertos de pequeno formato realizados nas terrazas dos establecementos organizadores, mais tamén haberá lugar para noites con artistas de maior formato. Así, á parte de rúas como a Vía Sacra, a rúa da Orfas, a Praza de Feixóo, Tras San Fiz de Solovio ou rúa Xelmírez; tamén haberá actuacións nas prazas de Mazarelos, San Martiño Pinario ou Cervantes.

Nestes 21 días de programación continuada, con dous ou tres concertos diarios en diferentes puntos da cidade, poderemos ver concertos de moitos xéneros musicais e tamén de distintas procedencias.

Tal e como é sinal de identidade desde o comezo da propia existencia deste festival, continua a promover a escena local cunha programación na que se prima o talento de proximidade. Así, poderemos escoitar bandas como Putan Club, Vudú, Blanca Cendán e Suso Alonso, Leo Burke, Manuel Gutiérrez, Pilo Sierra, The Spoonfuls e moitos outros.

Alén disto, outro dos obxectivos do festival é a descuberta de novos talentos chegados de fóra. Así, tamén poderemos ver bandas internacionais como os xaponeses Harmonica Creams, o mozambicano Mohammed Yahya, os arxentinos Ecos e Sofía Viola, os colombianos-guineanos La Rueda, os mexicanos Lariferpol, o brasileiro Arthus Fochi, os suecos The Bongo Club ou a Clarence Bekker Band, desde Surinam.