Os vikingos desembarcan unha vez máis en Catoira

Esta fin de semana as Torres do Oeste de Catoira resistirán de novo o embite dos vikingos coa LIX edición do seu desembarco, Festa de Interese Turístico Internacional á que este ano o concello quixo darlle unha volta para restarlle agresividade e ofrecer unha imaxe máis fresca e menos relacionada coa exaltación do alcohol, na que tamén se reivindicará o papel das mulleres. 

Pero que ninguén se engane, o desembarco do domingo será unha vez máis o punto álxido da festa. Este ano incluso se tratará de aportar unha certa coordinación para que os invasores escenifiquen unha pequena batalla para disfrute dos miles de espectadores que acuden cada ano ao evento. Antes, o sábado, celebrarase a tradicional cea vikinga, na que os 700 asistentes previstos vestirán sen excepción con roupa de época. 

Esas serán as principais bazas de atracción desta festa, pero non as únicas. O programa inclúe un mercado medieval, teatro, espectáculos de luz e pirotecnia... E un festival musical paralelo, o Vikinsons, que por primera vez se amplía ata dous días de concertos. O sábado tocarán as pandereteiras Muíño do Vento, Treixadura, Skarnivals e Raiba. Para o domingo quedarán os concertos de Óscar Ibañez & Tribo e Sés.