O Atlantic Fest deixou 1,7 millóns en Arousa

O retorno económico do Atlantic Fest para a comarca de Arousa foi de 1,7 millóns de euros, seguindo os datos do estudo de avaliación elaborado polo Grupo de Investigación en Economía da Cultura da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que foi presentado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). 

Os datos despréndese das 1393 enquisas directas a asistentes e das cifras facilitadas polo propio festival. A súa codirectora, Susana Laya, interveu tamén na presentación, xunto aos codirectores destes traballos: Francisco J. Sanjiao, profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC, e Fran Núñez, autor así mesmo da súa metodoloxía orixinal.

Para o responsable da Agadic, o estudo arroxa datos moi útiles para difundir o valor dos festivais de música como motores culturais, económicos e turísticos das súas comarcas. Entre eles, a contabilización de máis de 9000 visitas (unhas 5300 persoas diferentes) nesta cuarta edición, das que un 18% procedían de fóra de Galicia, cun gasto medio por persoa e día estímase en 80 euros, sen incluír transporte.

Detallou tamén que o retorno do impacto económico se sitúa en 3,6 euros por cada euro investido polo festival, subliñando que esta contía se incrementa notablemente ao analizar a optimización do investimento público por parte da organización do evento. Neste caso, as marxes sitúanse entre 32,1 e 37,3 euros por cada euro dos preto de 27.000 adxudicados ao Atlantic a través da última convocatoria de subvencións da Agadic a festivais de música.

Ao referirse ao perfil de asistente máis común (muller, galega, de entre 35 e 44 anos, con estudos universitarios, traballadora por conta allea e que acude en grupo de cinco o máis persoas), Sutil incidiu en que o Atlantic Fest se revela como motor turístico para a comarca, xa que “os asistentes actuais funcionan como prescritores de futuro tanto do festival como dos atractivos da súa contorna”.

Na presentación explicouse así mesmo o sistema de medición empregado: Avaliación 360º, unha metodoloxía pioneira e orixinal, que Fran Núñez desenvolveu na súa tese de doutoramento e que se explica nun manual editado pola Agadic. Grazas a el, os primeiros resultados do informe poden extraerse cunha gran rapidez, que porén non menoscaba a súa minuciosidade e rigorosidade académica.

O informe do Atlantic Fest enmárcase na segunda quenda de estudos de impacto ao abeiro de FEST Galicia, que en 2018 recolleu datos do Sinsal, PortAmérica, Revenidas, SonRías Baixas e Resurrection. Este verán súmanse tamén o Vive Nigrán, presentado a semana pasada, 17º Ribeira Sacra, Festival de la Luz, WOS Festival e Caudal Fest.