![]() |
Imagen de Verín |
Quince novos roteiros con contido patrimonial e ambiental están ao dispor dos visitantes de Verín na praza García Barbón, mediante un mural xigante instalado nun lateral deste espazo. Nel pódese acceder, mediante a lectura en código QR, ás direccións web onde están aloxados os roteiros con trazado GPS e cunha pormenorizada descrición.
Os paseos, deseñados todos cun carácter familiar e formativo para que poidan ser abordados por nenos e maiores, cobren boa parte da oferta patrimonial e cultural do val de Monterrei, comezando polo percorrido máis próximo, o paseo de Póusaa, pero chegando tamén a outros puntos de interese como as xoias arquitectónicas de Mixós ou contornas naturais privilexiadas como o Pozo do Demo.
Pola súa banda, o mural que representa a presa de Peláez ou de Miñambres, no curso do Támega, contén toda a información necesaria para chegar vía GPS ata o punto de inicio e para seguir o roteiro, así como a descrición e guía detalladas de cada visita. Pódense realizar en grupos ou individualmente mediante os trazados dispoñibles no smartphone.
Os roteiros están pensados para acceder a un coñecemento exhaustivo da comarca de Monterrei, cun grao de dificultade accesible a todos os públicos, sendo a maioría deles circulares.