Novo esforzo para dar a coñecer o campamento romano de Aquis Querquennis

O campamento romano e mansio viaria de Aquis Querquennis, situado no concello de Bande, porase en valor a través dun convenio dotado con 20.000 euros polo que a Xunta se compromete a planificar accións de fomento á promoción e divulgación do patrimonio cultural desta zona arqueolóxica.

O goberno autonómico asumirá os custes de persoal, deseño e edición de material divulgativo, mentres que a Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova será a encargada de realizar a actividade de difusión e divulgación dos valores culturais da zona arqueolóxica e o seu contexto cultural próximo co obxectivo de garantir o acceso e a información á visita pública, especialmente nas xornadas e tempadas como as fins de semana, pontes ou tempada estival, nas que a afluencia de visitantes é maior.

O campamento romano e mansio viaria de Aquis Querquennis está no lugar de Porto Quintela, no concello ourensán de Bande. Trátase dun conxunto arqueolóxico formado polo campamento e mansio vinculados co paso da vía XVII de Antonino ou Vía Nova, que presenta un gran valor científico e patrimonial derivado da información obtida polas continuas campañas de escavación desenvolvidas ao longo de varias décadas.

O indubidable valor histórico e arqueolóxico deste xacemento e os datos resultantes das investigacións propiciaron que fora declarado Ben de Interese Cultural polo Consello da Xunta en setembro do pasado ano.