Neste acto, o titular de Medio Rural salientou que o sector porcino ten unha gran importancia e dimensión na nosa comunidade, xa que abrangue arredor de 1.150 explotacións industriais (sen contar as de autoconsumo), cun censo total de 1.200.000 animais. Neste contexto, José González puxo en valor a existencia dunha raza autóctona propia, como é o porco celta, que destaca pola súa calidade e polo feito diferencial que representa dentro da cabana gandeira galega.
Tendo en conta esta relevancia do porco celta, a Xunta colabora con Asoporcel na preservación do seu patrimonio xenético e, de modo xeral, no seu mantemento en pureza dentro de condicións naturais axeitadas.