
Gastrónomos e xente de bo padal reuniranse unha vez máis para degustar o bivalvo que lle deu fama aos parquistas de Carril, eses profesionais que representan o bo facer dun oficio organizado dende hai cinco séculos, garantes da calidade dunha ameixa que se diferencia polo seu sabor sutil e pola finura da súa textura.
Non faltarán ocasións para degustala durante a festa, pois gran parte do programa xira arredor do prezado froito do mar. De feito, un dos momentos fortes do sábado é o concurso de pratos elaborados con ameixa de Carril, onde profesionais e amateurs competirán con elaboracións que serán puntuadas por un xurado profesional e degustadas polo público.
Amenizarán o concurso os gaiteiros Airiños do Carril, nunha xornada na que tamén haberá regata de botes tradicionais a remo e concerto de Soüldiers.
Para o domingo, trala recepción de autoridades e desfile polas rúas da vila está previsto un pregón a cargo do coñecido actor galego Luís Zahera, que este ano conseguiu o Goya ao mellor actor de reparto por “El Reino”.
Cando remate, tocará vestirse de gala co nomeamento dos novos Cabaleiros e Donas da Orde da
Ameixa. E a partir de aí, só restará dedicarse a degustar as ameixas co grupo 7 setenta de fondo.
Iso si, que ninguén marche cando remate o prato. Coa chegada da noite Manuel Manquiña animará a festa co seu grupo Los Fabulosos Weekend.