Feira da Malla en Meira

Meira (Lugo) acollerá o vindeiro domingo, día 18 de agosto a XXVIII Feira da Malla. O evento, que conta coa colaboración da Deputación de Lugo, inclúe actuacións musicais, exposición de artesanía e maquinaria, e demostracións de malla. 

Acaba de ser presentada pola Deputada de Turismo, Pilar García Porto, xunto ao Concelleiro de Cultura de Meira, Agustín Méndez, e o Presidente da Asociación da Malla da localidade, Manuel Pardo.

García Porto animou a todos os veciños e veciñas a asistir a esta cita xa asentada no calendario cultural e turístico da provincia que “promove, recupera e revaloriza as tradicións locais como sinais de identidade e de atractivo. Ademais, a través desta feira, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, difundimos e promocionamos a nosa cultura”. 

A xornada comezará pola mañá co traslado das máquinas de mallar ao centro do Concello, onde permanecerán todo o día facendo demostracións deste tradicional oficio. Nesta cita tamén haberá xogos relacionados coa malla para os máis cativos e a exposición de artesanía e maquinaria antiga. Ademais, a música acompañará esta xornada de feira coa actuación das seguintes agrupacións: a Asociación Cultural 25 Xastres; o Grupo Folk Leirabuxo; Nove Ferreñas; Trío Muralla; a Banda de Música de Meira; a Banda de Gaitas da Escola de Música de Meira e a Banda de Acordeóns. 

A Feira da Malla de Meira naceu no ano 1992 co fin de manter viva esta tradición e que continúe enriquecendo ás novas xeracións. Dende entón e ata o día de hoxe, esta cita cultural e turística continúa a celebrarse reunindo a centos de visitantes ao longo de toda a xornada. A Asociación de Amigos da Malla de Meira organiza este evento co obxectivo de por en valor o oficio tradicional da malla.