En Vilagarcía toca mollarse polo San Roque

As festas patronais de San Roque en Vilagarcía  arrancan coa lectura do tradicional pregón. Este ano oficiará como pregoeiro o escritor vilagarcián, Marcos Calveiro, autor do exitoso "O xardineiro dos ingleses", obra ambientada na Vilagarcía de principios de século. 

O programa desta primeira xornada festiva complétase coa Ofrenda Floral a San Roque, o concerto de Los Duendes, as sesións de chillout de "As 9 na praia". E na sala Rivas Briones continúa a exposición do 75 aniversario de Fundiciones Rey.

No contexto do San Roque de Vilagarcía cobrou especial protagonismo a Festa da auga. Despois de trasladar á figura de San Roque, o santo da cidade, desde a igrexa parroquial de Santa Eulalia de Arealonga á capela de San Roque... os romeus piden auga aos habitantes de Vilagarcía de Arousa “para refrescarse”.

A festa naceu de maneira espontánea, xa que un bo ano os veciños, debido á calor do mes de agosto, comezaron a reclamar auga ás casas. Cando a primeira casa atendeu a petición, xurdiu a festa. Seguindo a tradición o venres 16 de agosto de 2019 ás 12:00 do mediodía comeza a multitudinaria cita na que é imprecindible mollarse ata os pés.