Concello de Lugo e taxistas unidos na promoción turística

Concello de Lugo e taxistas se comprometerán a colaborar estreitamente na promoción turística. A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, xunto co presidente da Asociación Radio-Taxi Lugo, Miguel Angel Lostre e co presidente da Asociación Provincial de Taxistas e vicepresidente de Radio-Taxi Lugo, Luís Castro Cupeiro, anunciaron que “dende o Concello faremos todo o posíbel para facilitar o traballo de promoción turística que realizan os taxistas”.

“Vimos de anunciar hai pouco que máis de 9.000 persoas recibiron información nos postos turísticos do Concello, mais debemos ter en conta tamén que moitas veces o taxista é o primeiro contacto que ten o visitante na cidade”, indicou Maite Ferreiro, e engadiu “dende o Concello estamos a traballar con este colectivo para que poidan mellorar a atención que lle dan aos turistas”.

Maite Ferreiro anunciou que o primeiro paso desta colaboración foi a entrega de material de difusión turística aos taxistas, e declarou que “entendemos que as actuacións en materia turística deben ser coordinadas entre as institucións e os traballadores do sector”.