Chega aos cines o thriller rodado en Galicia "Quien a hierro mata"

Hoxe estréase a longametraxe da produtora galega Vaca Films "Quien a hierro mata", protagonizado por Luis Tosar e rodada integramente en Galicia, con localizacións na Coruña, Cambados, Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa.

A película parte dunha idea orixinal do galego Juan Galiñanes, quen asina o guión xunto a Jorge Guerricaechevarría. Luis Tosar, María Vázquez e Xan Cejudo, falecido uns meses despois da rodaxe, encabezan o elenco interpretativo que lle dá vida a esta crónica dunha vinganza, narrada cunha gran carga dramática e de acción. "Quien a hierro mata explora" o lado máis escuro do ser humano, abordando temas como a traizón, as relacións familiares ou a violencia que xera o narcotráfico.

A Consellería de Cultura e Turismo contribuíu á súa materialización cun investimento de 260.000 euros, dos que 240.000 euros corresponden á subvención obtida en 2017 na convocatoria anual da Agadic para producións e coproducións audiovisuais, e outros 20.000 euros foron destinados á súa fase de preprodución a través das axudas de 2016 a desenvolvemento de proxectos de cinema e televisión.