As mulleres estréanse na Bandeira de Traíñas

O lago das Pontes será o escenario da I edición feminina e da XXX masculina da Bandeira de Traíñas da Deputación da Coruña. O evento terá lugar o vindeiro xoves, 15 de agosto, ás 11,30 horas e contará, na categoría feminina, coa participación dos clubs Cabo de Cruz, Regatas de Perillo, Náutico de Ribeira e Mar de Mugardos.

Pola súa banda, na categoría masculina serán nove clubs os que loiten por conseguir a bandeira: Cabo de Cruz, Ares, Mariñeiro de Mera, Rianxo, Perillo, Cabana-Ferrol, Mar de Mugardos, Muros, Esteirana de Remo.

Este ano será a primeira vez que catro clubs compostos por mulleres se estreen nas augas pontesas para acadar o primeiro posto da competición.

Este ano, os premios ascenderán a 20.800 euros, que se repartirán entre as dúas categorías, con contías que variarán entre os 2.500 euros para o primeiro e 800 € para o noveno clasificado. Os premios terán a mesma contía para os catro primeiros clasificados, tanto na categoría feminina como masculina.

A Competición está organizada pola Deputación da Coruña e a Federación Galega de Remo, coa colaboración do Concello das Pontes de García Rodríguez, sendo esta edición a primeira que non se desenvolve en augas costeiras.