Arnoia e Oímbra exaltan os seus pementos

Esta foi a fin de semana grande dos pementos da provincia de Ourense, coa celebración das festas de exaltación de dous produtos singulares con Indicación Xeográfica Protexida como son os pementos de Arnoia e os de Oímbra. 

Dúas festas que xa gozan de ampla tradición e cada ano atraen a milleiros de visitantes. Aínda que co permiso de Oímbra, hai que recoñecerlle a Arnoia a ventaxa da veteranía. Xa levan 40 edicións amosando a calidade dun produto fundamental na gastronomía da provincia, do que ofreron máis de 3.200 quilos en diferentes preparacións: por suposto, non faltou o pemento fritido, pero tamén se serviron tortillas de pementos, xeado de pementos e por primeira vez un licor de pemento de Arnoia. 

Unha celebración que segundo destacou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, se trata do "escaparate perfecto para mostrar aos visitantes a excelencia na calidade deste produto, así como para promocionar e poñer en valor o sector primario deste municipio e da súa contorna". 

Pola súa banda, en Oímbra ofreceron máis de 1.000 quilos dos seus pementos nunha celebración que segundo a alcaldesa Ana Villarino está "consolidada", que reivindica ao ""rei da horta no noso municipio, sendo un produto que representa o alimento natural de calidade básico na gastronomía e na economía desta contorna".