A música galega marcha coas nacións celtas

Maís de 300 artistas galegos marcharon esta fin de semana polas rúas de Lorient (Francia) no Gran desfile das nacións celtas, evento central do Festival Intercéltico que se celebra nesta localidade e que este ano conmemora o ano de Galicia. 

En total, reuníronse máis de 3.500 músicos, cantantes, bailaríns, artistas visuais e académicos cineastas das chamadas nacións celtas (Asturias, Bretaña, Cornualles, Escocia, Illa de Man, Irlanda, Gales e Galicia) ante máis de 70.000 persoas. 

A delegación galega estivo composta por algúns dos artistas galegos máis internacionais entre os que destacan nomes como os de Carlos Núñez, Mercedes Peón ou Milladoiro, xunto con artistas que están a renovar a nosa tradición musical, como Davide Salvado, Aliboria ou Tiruleque, e agrupacións que traballan día a día na súa recuperación, mantemento e difusión.

Ademais desta actividade, a presenza da delegación galega no festival céntrase no pavillón dedicado á nosa Comunidade. Trátase dun espazo que ten por obxectivo a promoción da música e a danza galega, ao tempo que se favorece a difusión de Galicia como destino cultural, gastronómico e turístico de cara ao vindeiro Ano Santo.

Ademais, como complemento ao programa artístico, Galicia fai gala da súa riqueza gastronómica a través da degustación de produtos típicos, ademais de promocionar a súa calidade como destino turístico, en colaboración co Clúster Turismo de Galicia.