A Festa do Mar, compendio da despensa mariñeira en Poio

A gastronomía do mar, a cultura e a tradición mariñeira en Poio acadan a súa máxima expresión na Festa do Mar, que se celebrará do 21 ao 25 de agosto na pintoresca localidade de Combarro, o sitio máis visitado de Galicia despois de Santiago de Compostela, núcleo de poboación totalmente vencellado ao mar e á tradición mariñeira. 

Os principais eixes da Festa do Mar son a Mostra Gastronómica emprazada no Peirao da Canteira, aberta tódolos días para a degustación baixo carpa de produtos do mar; a Concentración de Embarcacións Tradicionais (os días 23-24 e 25) que celebrará a súa XXIV edición, e o folclore galego cunha nova edición da Mostra da canción mariñeira. 

As actuacións musicais xa confirmadas ao peche desta edición son Elini Foureira, David de María, Henry Méndez e o DJ Mark Deluxe. Haberá unha xornada adicada ao público infantil coa segunda edición do festival Chalaniña que incluirá espectáculos musicais e teatrais. 

As noites do venres e o sábado, 23 e 24 de agosto, serán as xornadas adicadas ao Festival Armadiña que, coas principais bandas de rock galego e nacionais, está acadando unha gran repercusión e converténdose nun dos principais reclamos da Festa do Mar. 

O domingo rematarán as actividades programadas cunha orquestra de corte máis tradicional como "Los Satélites". 

Toda esta gran movida comezou no ano 2001, cando o concello puxo en marcha un evento conmemorativo da chegada das expedicións “Sant Efflan” e “Vers la Galice”, nas que un grupo de embarcacións tradicionais procedentes de Irlanda, Gran Bretaña e o País Vasco recrearon a viaxe realizada polos peregrinos para percorrer o Camiño de Santiago na súa versión náutica. 

Aquel foi o xermolo da Festa do Mar, que dende o seu comezo ven incrementando as actividades e a afluencia de público nunha convocatoria que aglutina no peirao de Combarro gastronomía, música e tradición de corte mariñeiro e que se converteu nunha cita imprescindible na Ría de Pontevedra. 

AMEIXA DE CAMPELO 
A da Ameixa é a festa gastronómica de máis antigüidade que se celebra no concello de Poio. Naceu no ano 1988 a iniciativa dos mariñeiros e mariscadoras da zona para poñer en valor a ameixa de Campelo. A partires do ano 1992, o propio Concello encargouse da organización da festa. 

Chega esta cita co bivalvo máis prezado da contorna o terceiro fin de semana de setembro, este ano do 20 ao 22 (degustación os días 21 e 22, sábado e domingo).