A élite do surf volve a Valdoviño

Dende hoxe ata o vindeiro 7 de setembro Valdoviño os mellores surfistas do mundo competirán no Abanca Galicia Surf Pro, herdeiro do Pantín Classic que volve unha vez máis como o campionato de surf máis antigo e internacional de cantos se celebran en España eque ademáis forma parte do circuíto da World Surf League (WSL). 

Preto de 350 deportistas chegados dende 31 países diferentes competirán nun campeonato que por primeira vez inclúe unha proba do Mundial de Longboard e unha proba de surf QS10.000 en categorías masculina e femenina, especialmente significativa por ser unha das dúas únicas citas do mundo na que compiten ambas categorías. 

O evento foi presentado esta mañá nun acto que contou coa asistencia do conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o alcalde de Valdoviño, Alberto González, e a deputada provincial responsable da área de Benestar Social e Educación, Ana Lamas Villar, entre outras autoridades e representantes das diferentes marcas comerciais que patrocinan o evento. 

Román Rodríguez cualificou o Abanca Galicia Classic Surf Pro, como o “evento deportivo máis internacional” da Comunidade, e lembrou que se trata do campionato de surf máis importante de España e o cuarto máis lonxevo de todo o mundo, remarcando que se trata do “mellor escaparate do noso potencial no eido deportivo”, ao tempo que servirá para poñer en valor “a paisaxe da zona de Ferrolterra”. 

Pola súa banda, a representante da Deputación lembrou a longa traxectoria do Pantín Classic, apuntando que se trata"dun dos maiores espectáculos do surf mundial" e que a cita "supón un excelente escaparate para promocionar a esta comarca como un destino único para a práctica do surf". 

Finalmente, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, felicitouse de que a localidade sexa durante os vindeiros días "a capital europea do surf", cun evento que conta con máis de tres décadas de historia, nas que contou sempre co apoio dos veciños.