Vinte anos da Feira Franca en Pontevedra

O Consello Aberto da Feira Franca decidiu aproveitar o aniversario dos 20 anos desta emblemática
cita na cidade, para elixir como temática a propia Feria Franca, que se celebrará en Pontevedra os días 6 e 7 de setembro. Con esta decisión preténdese homenaxear a todos os participantes (asociacións, entidades, clubs, particulares, hostalería...) que durante estes 20 anos converteron a Feira Franca unha dascitas máis significativas do verán galego.

O Concello de Pontevedra tamén recuperará elementos, espectáculos e actividades que se foron realizando durante a traxectoria da Feira Franca, e así contribuír a esta homenaxe ás persoas que participan activamente para que a cidade volva á Idade Media durante unha xornada e media no mes de setembro.

Por outra banda, o luns 15 de xullo será o último día para presentar as solicitudes para reservar espazos para participar na Feira Franca 2019. A través da oficina aberta polo Concello, desde o pasado 14 de xuño están sendo canalizadas, como é habitual, todas as peticións da hostalería para montar nas dúas xornadas da Feira Franca, dos particulares que desexan montar mesa para celebrar ceas e xantares no ámbito da festa, e dos artesáns e artesás que queren participar no mercado medieval.

A Oficina da festa volve estar situada fisicamente no edificio municipal de Alfonso XIII, o antigo conservatorio, en horario de 10.00 a 14.00 horas de luns a venres, e atende tanto as inscricións presenciais como as que se realizan a través da páxina web da Feira Franca feirafranca.pontevedra.gal.