Unha exposición proxecta a Castelao cara os cinco continentes

A exposición Castelao grafista (facsímile) levará a obra de Castelao a 110 cidades dos cinco continentes a través dos Instituto Cervantes e dos centros do Ministerio de Asuntos Exteriores, nun amplo proxecto divulgativo patrocinado pola Xunta de Galicia no marco dun convenio coa Academia Galega de Belas Artes e comisariada por Miguel Fernández Cid

Castelao grafista é unha proposta que reúne unha ampla selección de materiais das múltiples facetas desenvolvidas por Castelao, na que se poden atopar textos, ilustracións, deseños, fotografías ou publicacións coas que achegármonos á rica e poliédrica figura do rianxeiro. 

A inauguración da mostra tivo lugar na Fundación Gonzalo Torreste Ballester, participando p presidente da mesma, Álvaro Torrente, o comisario da mostra, Miguel Fernández Cid, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, que destacou a importancia de “divulgar universalmente a un dos nosos autores e artistas máis valiosos”, e agradeceu a participación de todas as institucións e administracións implicadas, confiando en que “isto sexa só o principio dun meirande recoñecemento e atención crítica, tamén fóra de Galicia, a Castelao”.