Unha ambiciosa exposición abordará o papel de Galicia ha historia universal

A Cidade da Cultura inaugurará o vindeiro 8 de novembro "Galicia, un relato no mundo", a primeira gran exposición internacional do Xacobeo 2021, que abordará o papel de Galicia na historia do mundo dende a prehistoria ata a actualidade a través de máis de 300 obras cun elevado valor simbólico, esenciais para comprender a cultura e a identidade galega no marco histórico internacional.

Neste senso, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, adiantou que a Xunta vén de chegar a un acordo co Trinity College de Dublín para que por vez primeira saia de Irlanda o Libro das Invasións, obra onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán, o personaxe lendario que avistou Irlanda desde o faro de Brigantia (cidade tradicionalmente identificada polos historiadores como A Coruña) e figura destacada no propio Himno Galego, que converte Galicia no Fogar de Breogán. O Libro das Invasións é parte do Book of Leinster –unha das principais compilacións da literatura medieval irlandesa– e, bebendo de fontes bíblicas, mitolóxicas e de autores cristiáns, dá conta da invasión de Irlanda por diferentes pobos entre eles os conquistadores procedentes de Brigantia.

Do mesmo xeito, o titular de Cultura informou dun acordo de préstamo asinado coa Cambridge University-Parker Library en virtude do cal poderá contemplarse, tamén por primeira vez en Galicia, o Mapa de Sawley. Considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos, da época do Pórtico da Gloria (século XII), a obra representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa, ilustrándoa en maior tamaño que a Basílica de Roma. Isto dá unha idea moi precisa da relevancia de Compostela durante unha época coñecida como a Era Compostelana, un período de especial florecemento cultural, económico e institucional.

O anuncio de que estas obras viaxarán a Galicia prodúcese despois de que se confirmara que a exposición exhibirá dous códices calixtinos: o da Biblioteca Vaticana e o da Universidade de Salamanca, e que contará tamén co Cancioneiro da Vaticana, que xunto ao Cancioneiro de Ajuda e o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa constitúen o corpus máis valioso da lírica medieval galaico portuguesa.

Entre outras moitas pezas, este proxecto cultural ofrecerá a posibilidade de contemplar tamén o Itinerario de Exeria, manuscrito procedente da Biblioteca de Arezzo en Italia que relata a peregrinación desta aristócrata galaicorromana, considerada a primeira escritora coñecida da Península Ibérica. Xunto a ela estará ademais o guerreiro de Lesenho, peza central para entender a Idade do Ferro no noroeste da Península, prestado polo Museu Nacional de Arqueologia de Portugal.
Cedidas de 80 institucións

A presentación de Galicia, un relato no mundo tivo lugar esta mañá nun acto no Museo Centro Gaiás presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo e ao que asistiu Rosario Álvarez, a presidenta do Consello da Cultura Galega –institución colaboradora da mostra–, e o comisario da exposición, Manuel Gago Mariño. O anuncio estivo arroupado tamén pola presenza do deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e o comité científico asesor da mostra ao completo.

Román Rodríguez avanzou que as negociacións seguen adiante e que, ao longo dos vindeiros meses, faranse públicas novas obras de enorme transcendencia na historia de Galicia cuxos préstamos se están a ultimar con algunhas das bibliotecas e museos de maior prestixio do mundo. Dun xeito especial, fixo fincapé na relevancia de América Latina dentro do discurso da exposición, con obras que se darán a coñecer proximamente.

A exposición, comisariada polo profesor, xornalista e divulgador Manuel Gago Mariño, explora a profunda conexión do territorio histórico galego con outros países, rompendo co mito de illamento e periferia, e poñendo de relevo o seu impacto internacional. “Nun percorrido que nos leva desde a prehistoria ata a actualidade, a exposición estrutúrase arredor dos mitos, a historia, as memorias e as vidas dos galegos e galegas en diferentes épocas e contextos xeográficos”, explicou o comisario.