Un xardín galego de inspiración indiana triunfa en Londres

A recreación dun xardín galego de inspiración indiana conseguiu a medalla de prata na feira floral anual Hampton Court Palace Flower Show de Londres, que move cada ano a numerosas persoas interesadas no potencial paisaxístico dos destinos que visitan.


Baixo o título O soño dos indianos, Galicia presentouun xardín de 130 metros cadrados que rende homenaxe aos emigrantes que ademais do seu gusto estético de inspiración colonial, tamén destacaban polo seu compromiso coa súa terra de orixe e xenerosidade filantrópica. Tomáronse como referencia diferentes emprazamentos de localidades como Viveiro ou Ribadeo, coa súa Festa dos Indianos, así como de Betanzos ou Cee. Está composto por diferentes especies como camelia xapónica, magnolia, diferentes variedades de tulla, hortensias ou palmeiras, entre outras.

Esta é a cuarta vez que unha proposta presentada pola Consellería de Cultura e Turismo obtén recoñecemento, despois de que o pasado ano participase con Rías de Galicia, un xardín ao final da terra, de inspiración mariñeira; o ano anterior con O xardín segredo do Pazo e o anterior con A Ruta da Camelia, cun premio na máxima categoría.

En todos os casos, o Goberno autonómico aposta por poñer en valor no eido internacional varios dos recursos singulares de Galicia, como o patrimonio artístico, botánico e tamén a cultura asociada ao turismo mariñeiro. Convocado pola Oficina Española de Turismo de Londres, a Xunta participa este ano nesta feira cun espazo compartido con Turespaña no que ademais de amosar o xardín galego dispón dunha zona de información turística e de atención aos visitantes e para citas cos profesionais.

A Hampton Court Palace Flower Show é unha das feiras anuais de xardíns e exposición de flores máis grandes do mundo e ocupa un espazo que abarca 33 hectáreas. Na pasada edición foi visitada por máis de medio millón de visitantes amantes dos xardíns e especialmente interesados por viaxar buscando os recursos naturais e botánicos do destino.