Turno de Betanzos para volver ao medievo

Esta fin de semana Betanzos celebra a XXII edición da súa Feira Franca Medieval, unha cita á que acoden cada ano miles de visitantes atraídos polos atractivos dunha festa que gana enteiros grazas á beleza e singularidade do casco histórico da vila. 

Haberá postos de artesáns, gastronómicos, fogos de artificios… E varias recreacións históricos típicas de Betanzos, dende a chegada dos mouros á vila esixindo mozas, a revolta irmandiña ou a tradicional expulsión dos leprosos do domingo. 

Como novidade, o concello recuperará este ano a tradición das xerras de barro nos establecementos gastronómicos da feira medieval. Serán xerras especiais que levarán o logotipo do 800 aniversario do traslado da vila de Betanzos á súa ubicación actual. 

Outro dos cambios previstos afectará á representación da expulsión dos leprosos. Este ano a escena, unha das máis tradicionais da feira, non contará cos bois que tiraban dos carros que levaban aos leprosos. Por razóns de seguridade, o Concello decidiu modificar a representación e non utilizar nin bois nin carro. Os leprosos entrarán pola Porta da Vila, escoltados ata a praza da Constitución.