TUI, destino fluvial na procura do meixón

Pasear polas rúas medievais de Tui, visitar a Catedral de Santa María e subir ao Monte Aloia, que dúbida cabe que é unha boa forma de abrir o apetito e así gozar da oferta gastronómica desta vila que foi capital dunha das sete provincias galegas ata 1883. Aquí, a carón do Miño, en materia gastro hai moito e bo.

Tui, que na actualidade forma unha Eurocidade coa veciña vila portuguesa de Valença, vive por e para o río, o Miño, auténtica despensa piscícola fornecedora das mesas tudenses. Estamos nun dos destinos fluviais máis importantes da provincia de Pontevedra e de Galicia, un destino que ten o seu estandarte gastronómico nos meixóns (angulas) ós que nesta vila adican unha festa gastronómica coincidindo no mes de abril coas patronais de San Telmo.

Lamprea, salmón, troita, sábalo…a calquera larpeiro se lle faría a boca auga con só citarlle estes manxares de auga doce, a do Pai Miño, que marca a paisaxe en Tui, con ese relaxante paseo fluvial que discorre desde a praia da Mariña ata o Parque do Penedo, entre a antiga muralla medieval e o río.

Un Miño que ao seu paso por territorio tudense presenta distintas zonas para o baño, as máis salientables as praias fluviais de Areneros, en Guillarei, e a do Penedo, en Caldelas. A primeira das citadas ten un un pequeno pantalán de atraque para embarcacións. Outras zonas de baño na época estival son o Pozo Baqueiro e Os Muíños de Paredes de Rebordáns.

Dende o Monte Aloia, que foi declarado Parque Natural en 1978 (o primeiro de Galicia), obsérvase a espectacularidade deste destino fluvial por excelencia, con vistas de todo o Val Miñor e o val do río Louro.