Ribeiro Blues Wine Festival: Cultura, música, e viño en Castrelo de Miño

Presentóuse a sexta edición do "Ribeiro Blues Wine Festival", unha iniciativa que conta co apoio da Deputación de Ourense e que ten como obxectivo unir cultura, música e viño. O evento, que se celebra os días 9 e 10 de agosto no parque náutico de Castrelo de Miño, conta no seu programa con concertos gratuítos, degustación de viños e viaxe con cata de viños en catamarán polo río Miño.

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, dixo no acto de presentación que o obxectivo do Ribeiro Blues Wine Festival "é promocionar e difundir a cultura do viño do Ribeiro, que integra un dos sectores estratéxicos da economía na provincia de Ourense", e salientou que natureza, música e viño "danse a man neste evento que trae a Castrelo de Miño o mellor do blues internacional". 

Neste sentido, o alcalde do municipio, Esteban Suárez, dixo que o festival "consolídase ano tras ano e supón un elemento moi importante para promocionar a primeira actividade da comarca", remarcando que se trata dun dos mellores festivais de blues de Galicia". Neste sentido, Juan Manuel Casares, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, salientou a colaboración da Ruta do Viño do Ribeiro neste festival, do que dixo "potencia esa maridaxe entre viticultura e cultura musical e contribúe a difundir a calidade dos nosos viños e a promocionar todo o Ribeiro".

O festival, organizado polo Concello de Castrelo de Miño, coa colaboración da Deputación de Ourense e do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, ten a finalidade apoiar e difundir a cultura do viño nunha actividade única que une viño e música nun festival gratuíto pensado para a promoción dos nosos viños de denominación de orixe. Esta edición conta coas actuacións de Corey Harris Band, José Luis Pardo Band and The Mojo Workers, Aurora and The Betrayers, Blues Time, Vudú e Renegados.