Ourense exerce como capital do termalismo europeo

Ourense acolleu este xoves un encontro da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa (EHTTA), que arranca un novo mandato co obxectivo de seguir potenciando as cidades e territorios termais da man da súa riqueza patrimonial, natural e turística. 

O presidente da deputación de Ourense e novo líder electo do grupo europeo, Manuel Baltar, exerceu de anfitrión nunha xornada na que tamén participou o presidente saínte da EHTTA, Giuseppe Bellandi; os vicepresidentes Lorenzo Luccini, Hugo Oliveira e Éric Brut, e o presidente e o vicepresidente do comité científico, Paul Simons e Mario Crecente, respectivamente. 

Na xuntanza tamén se adiantaron os temas que se analizarán na asamblea xeral que terá lugar en outubro en Spa (Bélxica), na que os novos membros da asociación tomarán posesión dos seus cargos. Baltar tamén aproveitou para felicitar a Giuseppe Bellandi polo labor realizado na súa etapa ao fronte da EHTTA e dixo que esta asociación, "que agrupa a 51 sitios termais de 17 nacións europeas, terá un novo impulso desde Ourense e co novo grupo directivo", salientando que esta rede "será unha aliada para colaborar coas máis altas institucións comunitarias, que veñen de tomar posesión no escenario europeo, onde Ourense non só pisa forte senón que ten moito que dicir debido á nosa condición termal: o territorio de Europa con maior potencial termal, que da man dos socios da EHTTA, poremos entre todos o maior énfase e a maior capacidade loxística e económica para dar un salto de calidade e de recoñecemento e reivindicación de pertencer a territorios termais como é Ourense e os demais sitios termais que integran esta asociación". 

Baltar citou como clave para o impulso termal na provincia de Ourense "a mellora das comunicacións (Alta Velocidade), que situará a Ourense como un "aeroporto terrestre", a pouco máis de dúas horas de Madrid, o que lle dará unha conectividade total, e por suposto o feito de estar nunha rede, a EHTTA, cun posicionamento que permitirá coñecer que se fai en todos os lugares termais de Europa para mellorar as políticas de promoción do termalismo". O presidente da destacou tamén a importancia de loitar "porque os tratamentos termais teñan unha visibilidade e formen parte da carteira de servizos sanitarios. Poñer en valor o termalismo é poñer en valor o turismo, a cultura, o patrimonio e o traballo en rede dos mellores sitios termais de Europa", dixo. 

Manuel Baltar defende o termalismo "como elemento de cohesión" e un "factor determinante para o desenvolvemento rural". O seu potencial turístico e os seus valores sociais, culturais, medioambientais e de saúde "fano perfecto para que protagonice a gran revolución turística do século XXI en Europa".