Na primeira fin de semana de agosto celebrarase o coñecido desembarco viquingo de Catoira, declarado como Festa de Interese Turístico Internacional. Pero antes os viquingos pasarán pola mariña lucense, desembarcando no concello de Vicedo.
Concretamente na praia de San Román durante os días 26 e 27 de xullo coa celebración da IV Romaxe Viquinga do Vicedo, unha festa que trata de recrear a vida deste pobo no asentamento de Moutillós con diversas actividades recreacionistas.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiron ao acto de presentación da festa, reivindicando que é unha celebración “que chegou para quedarse” e que nas súas catro edicións está a demostrar ser un impulso para a oferta turística da Mariña lucense durante o verán, un destino que está a evolucionar moi positivamente nos últimos anos. De feito, en 2018 foi A Mariña Lucense foi o segundo xeodestino que máis medrou.
Participaron canda eles na presentación, que acolleu o Pazo de San Roque, o alcalde do Vicedo, Jesús Novo, e mais Andrea Pousa e Enrique Domínguez, Queiman e Pousa, coordinadores artísticos do evento.