
Aconselleira do Mar, Rosa Quintana, compareceu na Cámara galega para dar conta do impacto das estratexias de desenvolvemento local participativo dos GALP nas zonas costeiras de Galicia e analizou polo miúdo os investimentos feitos tanto na primeira fase destes proxectos -no marco dos GAC, entre 2010 e 2014- como na segunda -xa como GALP, de 2016 a 2020- así como os seus resultados en materia de iniciativas desenvolvidas, investimentos e empregos xerados.
Na primeira etapa desta estratexia, financiada co Fondo Europeo da Pesca (FEP), a Xunta aprobou un total de 426 proxectos, aos que destinou de 23,2 millóns de euros en achegas. As iniciativas postas en marcha para dinamizar o litoral permitiron crear máis de 250 empregos directos grazas á “boa acollida” destes fondos por parte do sector.
Nos tres primeiros anos desta nova etapa, ata 2018, o Executivo galego aprobou 301 proxectos dos GALP, entre case 650 recibidos, e concedeu axudas por valor de 19 millóns de euros. Estes investimentos, que permitiron mobilizar outros 24 millóns de euros do ámbito privado, xeraron 267 empregos directos a tempo completo.
As actuacións desenvolvidas polos GALP buscan aumentar o emprego e a cohesión social nas comunidades pesqueiras. De feito, os oito grupos actuais agrupan a 361 entidades sociais -105 delas do sector pesqueiro- e representan a máis de 11.000 persoas de todo o litoral de Galicia. Entre os obxectivos dos proxectos están a atracción de xente nova ás zonas costeiras, a promoción da innovación, o apoio á diversificación dentro e fóra do sector pesqueiro, o impulso do patrimonio ambiental e cultural, o reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e na cogobernanza dos recursos pesqueiros e a promoción das distintas actividades marítimas no ámbito local.