Os Fogos do Apóstolo recordaron ás mulleres da historia de Compostela

Os tradicionais Fogos do Apóstolo encheron unha vez máis a praza do Obradoiro cun espectáculo visual que repasou a historia de Compostela, cunha lembraza especial para as súas mulleres. 

Así, a proxección destacou a Rosalía de Castro e a outras quizais non tan coñecidas, como a escritora e editora María Francisca de Isla y Losada, a cantante exiliada María Valverde, a poeta e dramaturga Herminia Fariña Cobián, a pintora Concha Vázquez ou a mestra feminista María Vázquez Suárez. 

O percorrido arrincou pola Prehistoria e os debuxos sobre a pedra, dos que Compostela ten importantes testemuños. Pouco a pouco, pedra sobre pedra, a urbe foise levantando e a partir dela teceuse a rede de camiños que levan ata ela, converténdose en eixe cultural de Europa. O repaso a estes camiños e a énfase na chegada dos peregrinos e peregrinas a Compostela foi outro dos eixes do espectáculo, xunto á arquitectura e o crecemento da cidade.

Tampouco este ano faltou a música en directo, dende os balcóns do Pazo de Raxoi, a cargo de Cantigas e Agarimos, pero cunha formación máis numerosa que en anteriores ocasións. E todo isto completado cun poderoso final, con especial protagonismo da pirotecnia, que este ano se traduciu en máis de 6.000 efectos de disparo e 366 quilogramos de pólvora.