O SonRías Baixas volve prometendo experiencias únicas

Bueu converterase entre o 1 e o 3 de agosto no Destino SonRías cunha cita que combina Música, gastronomía, enoloxía e natureza e garante experiencias únicas da man de grupos como Sés, Boikot, La M.O.D.A. ou La Pegatina. 

O Sonrías Baixas 2019 presentouse esta semana nun acto no que participou a deputada provincial de Turismo, Ana Laura Iglesias, expresando a súa confianza en que se repita o éxito dun festival polo que o ano pasado pasaron 22.000 persoas. Incidiu en que os Festivais Rías Baixas "son activos turísticos, cun forte impacto económico" e ademais "cada un dos festivais atrae a públicos diferentes, o que nos permite unha gran variedade de visitantes. 

Pola súa banda, o codirector do festival, Jordi Lauren, destacou a importancia dos festivais "como un tecido sectorial moi potente". Subliñou que no caso do SonRías, toda a programación está moi conectada coa promoción do territorio e, neste senso, destacou que nesta décimo sétima edición, "poñemos en valor produtos excelentes da gastronomía local, como o polbo da ría e o tinta femia". Deste xeito, o día 2, o Estaleiro da Banda do Río acollerá unha Cata de Viño Tinta Femia dirixida por Antonio Portela e o sábado 3 de agosto, a Casa SonRías abrirá as súas portas ao mediodía co polbo da ría como protagonista das propostas de cociñeiros da contorna, que ofrecerán este produto en diferentes pratos.

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, destacou tamén a importancia que o festival ten para o concello "porque está conseguindo ter a súa propia historia, como marca, como festival, e, como unha forma de ver o mundo e de vivir", e apuntou que "o seu impacto económico na vila e na veciñanza é moi importante". A este respecto, os organizadores do festival cifraron en máis dun millón de euros o impacto directo do SonRías Baixas na contorna.

O SonRías Baixas aposta por unha programación que combina grupos xa consolidados con novas descubertas e arrancará, como anunciou a codirectora do festival, Berta Domínguez, no recinto multiusos da Estacada o xoves, día 1, con Dubioza Kolektiv; Zoo; Periferia Norte e os galegos Nao. O venres, 2 de agosto, o cartel musical o conforman a orquestra La M.O.D.A.; o MC sevillano Toteking; Iseo & Dodosound with the Mousehunters; Muyayo Rif e Nius de Nit. Nesa mesma xornada e, como novidade, haberá un escenario na zona de acampada no que actuarán o grupo de hip hop e reggae feminista Hakuna Tanaka; os galegos Som do Galpom e a banda indie Ambigüo. Na última xornada, o 3 de agosto, soará a galega Sés. Xa pola noite, a festa continuará con La Pegatina, Segismundo Toxicómano, Boikot, Dakidarría, Zea Mays e Ninhodelosrecaos DJ.