O Revenidas volve apostando pola solidariedade e a presenza femenina

Volve o Festival das linguas a Vilaxóan, volve o Revenidas os vindeiros 9, 10, e 11 de agosto cunha décimo sexta edición marcada unha vez máis pola solidariedade e pola presenza femenina transversal na súa programación. Así se destacou na presentación do festival, na que tamén se puxo de manifesto a vinculación do evento coa nosa terra e a nosa cultura. 

Neste senso Jacobo Sutil, director do AGADIC, destacou o esforzo do Revenidas “por impulsar un territorio como destino cultural a través dun evento de calidade, sostible e responsable”. Unha idea na que tamén incidiu a presidenda da Deputación, Carmela Silva, falando “un festival fortemente vinculado co espazo no que se celebra, coa gastronomía local e co produto de quilómetro 0” Finalmente o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, asegurou que “non se entenden as Revenidas sen Vilaxoán nin Vilaxoán sen as Revenidas” e gabou a labor que fai o festival ao “exportar o nome de Vilagarcía alén das nosas fronteiras”.

Dende a organización do festival Xoan Quintáns debullou os obxectivos principais que se converteron no motor desta edición: revalidar o carácter solidario do festival, reforzar a programación feminina en distintos eidos alén do musical e a combinación de bandas emerxentes do país con grandes estrelas internacionais.

Deste xeito, explicou que elas serán as protagonistas da Gran Gala de Circo Solidaria deste ano, unha actividade que se leva a cabo a prol da risa e da cooperación cos campamentos de refuxiados e refuxiadas. O Revenidas propón unha reivindicación do circo feminino que contará o sábado 10 de agosto a partir das 17h30 neste mesmo parque con Isa Risco, Pajarito, Patty Diphusa, Mireia, Desastronauts e a música de Brassica Rapa.

Ademais, o Parque de Dona Concha servirá tamén como punto de encontro gastronómico do festival, no que se celebrará un ano máis a multitudinaria Gran Sardiñada Popular na que se despacharán 1.000 quilos de sardiñas e se contará coas prostas gastronómicas nos Showcookings Mahou de Kike Piñeiro e Eloy Cancela, de A Horta d’Obradoiro, e da chef Inés Abril, do restaurante Maruja Limón, que prepararán para os asistentes un “boliño de mexilón tigre” e “remolacha, frambuesa e sardiña”.

O festival ten tamén unha estreita relación co mar pola zona na que se celebra. Neste Revenidas, os asistentes poderán vivir unha experiencia marítima única pola Ría de Arousa a bordo do Chasula, unha embarcación tradicional na que poderán gozar de música ao vivo e dunha exclusiva degustación gastronómica de produtos 100% galegos. Esta actividade, unha das máis reclamadas do festival, é perfecta para grandes e pequenos e contará con tres saídas o sábado 10 a cargo do Leo, Gabri Dakidarría e Ugía Pedreira e outras tres o domingo 11 a cargo de Los Jinetes del Trópico, Zeltia Irevire e Gramola. 

A todo isto e á Feira Revenida súmanselle arredor de 40 de propostas musicais internacionais, estatais e galegas entre as que se atopan a Gogol Bordello, The Baboon Show, Hard GZ, Mal Elevé, Flow do Toxo, Gatillazo, Talco, Skacha, Los Caligaris, Rebeliom do Inframundo, El Niño de la Hipoteca, Nao…