"O océano que nos une" na Casa da Navegación de Baiona


A exposición "O océano que nos une" estará aberta ao público na Casa da Navegación de Baiona ata o vindeiro 28 de xullo. A mostra itinerante da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA) quedou inaugurada nun acto celebrado no auditorio deste museo e poderá visitarse de mércores a domingo en horario de 10:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas. 

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, foi o encargado de abrir esta presentación. Elena Herbello Puentes, xerente do GALP Ría de Vigo - A Guarda, realizou unha presentación técnica na que expuxo os avances levados a cabo ata o momento no proxecto Morada Atlántica. A técnica presentou tamén o resto de museos galegos que forman parte desta exposición, que son os que se uniron a esa rede de coñecemento nunha primeira fase de adhesión. 

Por último, a concelleira de Cultura de Baiona, Mirian Mar Costas Iriarte, pechou a presentación para dar paso a un percorrido guiado polos dez paneis de "O océano que nos une", da man de Rosa Villar Quinteiro, técnico de xestión da Casa da Navegación de Baiona. Rosa apuntou que "tanto a Casa da Navegación como a réplica da Carabela Pinta son dous instrumentos de divulgación das orixes e a historia da que foi a Real Vila". A técnico sinalou tamén que nos cinco anos de vida deste espazo fixeron fincapé en poñer en valor a relación de Baiona co mar e o papel que esta vila xogou na historia da navegación atlántica. 

Percorrido pola costa galega 

Trala súa estancia en Baiona, "O océano que nos une" continuará a súa ruta pola costa galega a través dos museos da rede REMA. As datas das seguintes exposicións son:

Acuario do Grove
Do 1 ao 11 de agosto
Museo do Mar de Laxe
Do 14 ao 25 de agosto
Arquivo da Pesca de Caión
Do 29 de agosto ao 8 de setembro
Museo do Mar de Fisterra (lonxa turística)
Do 12 ao 22 de setembro
Centro de Interpretación de Caldoval
Do 26 de setembro ao 6 de outubro
Museo Man de Camelle
Do 10 ao 20 de outubro
Ecomuseo Forno do Forte (Centro Cívico de Malpica)
Do 24 de outubro ao 3 de novembro


Na actualidade, a Rede de Espazos Museísticos Atlánticos está formada por quince espazos galegos e un museo portugués. REMA forma parte de Morada Atlántica, un proxecto colaborativo promovido polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia, que inclúe entre os seus socios oito GALP portugueses, tres andaluces e un das Illas Canarias. Todos eles posúen unha innegable relación co Océano Atlántico. 

O proxecto Morada Atlántica foi aprobado pola Consellería do Mar e está financiado a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).