O novo Museo do Viño abre as súas portas en Ribadavia

O novo Museo do Viño acaba de poñerse en marcha na reitoral de Santo André de Camporredondo, en Ribadavia, co obxectivo de recuperar e poñer en valor unha parte importante do legado de Galicia a través dunha actividade milenaria; amosa a historia e a paisaxe do viño, que é unha paisaxe agraria propia de Galicia; e visibiliza o traballo de mulleres e homes viñateiros que teñen neste museo un lugar onde verse representados.

En concreto, o espazo monográfico estará dividido en 7 eidos: os territorios vitícolas e a humanización da paisaxe agraria modificada por este cultivo desde a Idade Media; as actividades da viticultura; as denominacións de orixe; as variedades vitícolas; a comarca do Ribeiro; a produción en mosteiros, granxas e priorados; e un último ámbito centrado no traballo da adega.

Na inauguración do museo pariticparon o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o presidente da deputación de Ourense, Manuel Baltar e o alcalde de Ribadavia, César Fernández. Feijóo definiu ao museo como "o gran escaparate da nosa cultura vitícola e a casa común dos viños de Galicia" e incidiu en que será "un referente na materia non só en Galicia, senón tamén no resto do Estado".

Pola súa banda, Baltar destacou o que esta nova infraestrutura expositiva, situada na reitoral de Santo André de Camporredondo, "integrará, xunto con outros museos de Galicia, unha rede cultural que será un plus que repercutirá no desenvolvemento económico e cultural deste territorio; un atractivo máis non só para esta bisbarra ou para a provincia de Ourense, senón para toda Galicia, por tratarse dun valor fundamental da nosa economía como é o viño e a súa cultura, historia e tradición", destacando sinaladamente o Ribeiro, "a segunda denominación de orixe máis antiga de España, o viño que Colón levou a América".

Finalmente, o alcalde de Ribadavia, recordou que estaban "nun dos puntos clave do Val do Avia, do Ribeiro, para entender a historia do viño de Galicia, e este museo será un referente para as denominacións de orixe galegas para pór en valor a tradición e a cultura vitivinícola que configurou a nos forma de ser e a nosa paisaxe".