Este sábado celébrase a II Festa da Cantarela en Paderne do Courel, un acto festivo de exaltación deste cogomelo, que conta cun gran valor comercial e gastronómico. A USC e o executivo provincial organizan esta cita para dar a coñecer as posibilidades económicas, medioambientais e turísticas das montañas do Courel. Durante a xornada farase unha degustación de tapas feitas con cantarelas a cargo de Héctor López, cociñeiro do Restaurante España de Lugo.
O Deputado de Turismo en funcións, Eduardo Vidal Baamonde, explicou que “este cogomelo atópase sobre todo en soutos, sendo parte da gran biodiversidade deste tipo de monte autóctono. Temos que dar a coñecer os recursos que temos e que poden servir de atractivos turísticos e gastronómicos durante todo o ano, xa que as setas existen máis alá do outono”.
Previamente a esta festa a USC organizou un concurso de fotografía que versou sobre As cantarelas e as paisaxes de montaña. As obras participantes estarán expostas na Casa do Concello de Folgoso do Courel e na Estación Científica do Courel.