HILO DIRECTO con... Luisa Piñeiro, alcaldesa de Moraña

A Festa do Carneiro ó espeto de Moraña cumpre esta fin de semana cincuenta anos cunha edición que se prevé especialmente multitudinaria, como nos conta nesta entrevista a alcaldesa da vila, Luisa Piñeiro. 

Chegades á festa con tódolos lotes de carneiros reservados, parece boa sinal...

A verdade é que este ano tivemos que pechar o prazo dez días antes do previsto pola afluencia de xente que reservou nos primeiros días. É a primeira vez que chegamos a este número de lotes, estamos en 173, e cada lote ten unha capacidade para vinte persoas. É o máximo que podemos coller, porque na carballeira non cabe nin unha mesa máis. 

En todo caso, sempre quedarán os locales de hostalería da zona para os que non conseguiron reservar, non?

Falando cos hostaleiros, algúns deles xa me adiantaron que tamén están ao máximo de reservas. Pero eu confío que calquera persoa que se queira achegar este domingo a Moraña terá aínda que sexa unha tapiña para degustar o carneiro ó espeto. 

E se non, entendo que tampouco faltan actividades paralelas para gozar da festa...

Levamos xa todo o mes, pero esta fin de semana estarán concentrada. Teremos actuacións musicais de primeiro nivel: hoxe Dr. Queen, mañá Efecto Pasillo e o domingo a Óscar Ibáñez e a París de Noia. Tamén temos un torneo 3x3 de baloncesto cunha gran repercusión, un partido de fútbol no que nos visitan o Pontevedra, Celta B e Deportivo B, xa organizamos unha exposición fotográfica cos cincuenta anos da festa...

¿Vivides de xeito especial este cincuenta aniversario?

O Carneiro ó espeto xa é  unha festa de interese turístico de Galicia, estamos preparándonos para a tramitación de Interese Turístico Nacional. É unha festa cunha antiguedade de cincuenta anos que partiu de veciños de aquí emigrados a Arxentina que retornaron e comezaron co seu asado de carneiros para amigos e desencadenaron nesta espectacular festa, con afluencia de tanta xente que nos visita ano tras ano.