Guitiriz acolle este domingo a Festa da Torta de Millo

O concello lugués de Guitiriz será escenario da Festa da Torta de Millo, cita que se celebra o vindeiro domingo 28 de xullo co apoio da Deputación, e que rende homenaxe a un dos produtos máis representativos do concello chairego.

Ao longo de todo o día haberá demostracións de tear, cerámica e cantería, ademais dunha mostra da importancia do ferro no campo, exposición de coches antigos, xogos populares ou degustación de tortas de millo. As 13:00 horas actuará o grupo Xesta Verde, grazas ao programa Musiqueando da Deputación e pola noite haberá un concerto de Treixadura. O Pregón terá lugar as 21:00 horas e será a cargo da escritora Ánxela Gracián, autora principalmente de literatura infantil e xuvenil.

A Deputada Provincial, Pilar García Porto, xunto coa alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira Morandeira, presentaron o envento. García Porto explicou “desde a Deputación apoiamos as festas dedicadas a produtos típicos dos concellos da Provincia, pois son unha excelente forma de poñer en valor a calidade da nosa gastronomía e dinamizar a economía dos municipios. Coas achegas do Programa Musiqueando e do Programa de Promoción da Artesanía, amenizamos estas festas, achegándolles a veciños e visitantes a nosa música e os nosos oficios tradicionais, que son parte da nosa cultura e do noso Patrimonio Etnográfico”.

Por outra banda a Alcaldesa asegurou que “a torta de millo é un dos nosos sinais de identidade como guitiricenses, un dos elementos máis recoñecidos do municipio, xunto coas augas termais. Convido a todos os veciños a achegarse e a desfrutar das nosas tortas de millo, un produto que xa goza de gran recoñecemento”.