Galicia, turismo in crescendo

Galicia pechou maio como a comunidade española na que máis creceu o turismo nos primeiros cinco meses do ano, coincidindo coa tempada media-baixa e con cifras nunca antes acadadas neste período de tempo.
 
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), contabilizáronse case 1,5 millóns de visitantes nos cinco primeiros meses de 2019, a cifra máis elevada da serie histórica neste período de tempo. Desta maneira, o número de viaxeiros que visita Galicia está a crecer a un ritmo superior ao 5%, un 1,5% máis que a media española, e tamén están a permanecer máis noites na comunidade. 

De feito, a demanda turística creceu un 7%, "facendo posible que Galicia rexistrase ata maio o crecemento turístico de maior intensidade de España", seguida de Castela e León e Madrid. "Chegan máis viaxeiros do resto de España, tamén viaxan máis os galegos no seu territorio e cada vez gaña máis peso o mercado internacional. Segundo o INE, a cifra de viaxeiros estranxeiros creceu máis dun 10% e a de pernoitas o 12%", subliñou a Xunta nun comunicado. 

O turismo internacional representa xa o 26% do total, un peso que nunca antes alcanzara o mercado estranxeiro no primeiros cinco meses do ano "e que responde, en boa medida, á estratexia do Goberno galego de internacionalizar a oferta turística da comunidade". 

Hoteis e pensións foron as modalidades de aloxamento máis habituais para a súa estancia en Galicia. En concreto, o 91% aloxouse neste tipo de establecementos, seguidos polos de turismo rural, os apartamentos turísticos e os cámpings. 

Todas as modalidades turísticas viron mellorados os seus resultados, con incrementos superiores ao 10% no turismo rural. As cifras reflicten, ademais, que os viaxeiros quedan máis tempo en Galicia, xa que a estancia media subiu un 2% en relación ao dato de 2018, colocando este número do acumulado a maio como o máis elevado do últimos seis anos.