Galicia Calidade incorporou ao restaurante Miga e Galipizza

O restaurante Miga da Coruña, e a cadea autóctona Galipizza, con presenza na cidade herculina, Culleredo, Viveiro, Ribadeo, Santiago de Compostela e Vigo son as últimas incorporacións que suma o selo Galicia Calidade. 

A certificación, coa que contan 117 empresas na comunidade, é un recoñecemento á súa aposta polos alimentos galegos de excelencia e tamén á versatilidade das súas propostas gastronómicas. 

Tanto Miga como Galipizza entran a formar parte da plataforma Galicia Lecer, que impulsa a Consellería de Economía, Emprego e Industria a través de Galicia Calidade e que agrupa a establecementos de lecer, restauración e hostalería. 

Un dos requisitos que premiou a Xunta foi que ambos contan nas súas cartas con produtos avalados polos selos de certificación de « orixe Galicia». 

Miga é unha casa de comidas ou bistró de cociña galega propiedade do chef carballés Adrián Felípez. O restaurante inaugurouse no 2016 na Coruña e a súa oferta gastronómica céntrase no produto de tempada. 

Galipizza, pola súa banda, é unha cadea de restauración centrada na elaboración de pizzas artesanais innovadoras que naceu en Covas (Viveiro) en 1993. Na actualidade conta con seis establecementos en Galicia.