O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, presentou os Fogos do Apóstolo 2019, que se celebrarán na noite do 24 de xullo a partir das 23:00 horas. O espectáculo volverá a xuntar as proxeccións, a pirotécnica e a música para facer un repaso por algúns episodios significativos da historia da cidade e para recordar, este ano, algunhas das mulleres máis representativas de Compostela.
O espectáculo dos fogos do Apóstolo terá este ano catro eixos argumentais principais: o Camiño de Santiago como vía de intercambio cultural cos peregrinos estranxeiros, a arquitectura da cidade e o seu crecemento, a integración e interdependencia entre Santiago de Compostela e o medio rural próximo e, por último, un repaso por algunhas das mulleres galegas que marcaron a historia deste país.
Así o explicou o concelleiro de festas Gonzalo Muíños quen ademais recordou que este ano repite Acciona Producciones y Diseño (APD) como responsable do espectáculo. O espectáculo, que unirá proxeccións de mapping, música en directo na praza, efectos especiais, pirotecnia, iluminación e banda sonora, proxectarase sobre a fachada do Palacio do Raxoi. Uns 5.000 espectadores asistirán en directo a este evento -cunha duración aproximada de 30 minutos-, que irá precedido de tres horas de iluminación especial e música ambiente na praza.
Un dos momentos visualmente máis impactantes da proxección será cando sobre a fachada do Palacio de Raxoi se constrúan, ante os ollos dos espectadores, os principais edificios da cidade, coma se dunha viaxe no tempo se tratase.
Ademais, este ano o espectáculo lembrará as grandes mulleres da nosa historia recente e do noso presente, que estiveron vinculadas coa cidade de Santiago de Compostela. A proxección destacará a Rosalía de Castro, pero tamén lembrará a outras mulleres relevantes, aínda que desigualmente coñecidas, como a escritora e editora María Francisca de Isla y Losada, a cantante exiliada María Valverde, a poeta e dramaturga Herminia Fariña Cobián, a pintora Concha Vázquez, a mestra feminista María Vázquez Suárez e outras tantas.
A produción audiovisual aplicará tecnoloxías de última xeración para proporcionar unha resolución de imaxe de 4 millóns de píxeles de resolución. Para iso, empregaranse 9 proxectores de vídeo de 22.000 lúmenes cada un, 28 cabezas robotizadas e 20 focos estáticos de iluminación e un sistema de son de 50.000 w de potencia distribuídos en 6 torres.
Ademais, para a pirotecnia usaranse un total de 6.015 efectos de disparo e 366 Kg de pólvora. Para iso, APD volverá contar con RICASA, empresa valenciana especializada en pirotecnia a gran escala.
A música en directo correrá a cargo da agrupación folclórica Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela, cos que se vivirá un dos momentos máis emotivos da noite.