Feijóo quere organizar un "Xacobeo de 5.000 días"

Este luns presentouse o Plan Estratéxico do Xacobeo 2021, nunha reunión na que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, convidou aos galegos a ser partícipes na organización dun “Xacobeo de 5.000 días” que permita amosar "a mellor Galicia da nosa historia".

Feijóo subliñou que tras 11 anos sen haber ano santo, nos vindeiros 11 celebraranse tres, unha circunstancia que animou a converter nunha oportunidade, abrindo unha era xacobea que comece desde xa mesmo e que non remate o 31 de decembro de 2021, senón que se prolongue nos seguintes anos ata conectarnos coa década seguinte. “E sendo capaces, durante todo ese tempo –precisou-, de que Galicia sexa un epicentro internacional no que amosarnos desde o punto de vista cultural e turístico, coa repercusión social e económica”.

Durante a súa intervención, Feijóo fixo fincapé en que o máis importante é que non se trata dun proxecto para un ano illado, senón que se trata dun proxecto que comeza desde este momento e cun horizonte que mira a 2027 e 2032, os seguintes anos santos. Deste xeito, recordou que a situación é semellante á que se viviu no seu día co Xacobeo 93; “e, por iso, debemos poñer o mesmo interese e a mesma implicación para lograr que volva ser un novo punto de inflexión na nosa historia”, recalcou.

Con este obxectivo, asegurou que unha das características máis importantes do Plan estratéxico Xacobeo 2021 é que está dotado cun mínimo de 247,7 millóns de euros. “Estamos a falar dunha folla de ruta que marque non só o que imos facer senón tamén como o imos facer”. 

Aseverou que este plan estratéxico non podía ignorar os obxectivos que a Galicia da próxima década está a perseguir, resaltando que será un Xacobeo verde, comprometido coa súa autenticidade, con aquilo que máis o identifica: o Camiño, a paisaxe, o patrimonio, a gastronomía propia. “E neste sentido, a sustentabilidade e a calidade deben ser obxectivos irrenunciables para que tanto os galegos como os visitantes se sumen ao coidado e promoción da nosa riqueza”, explicou.

Así mesmo, asegurou que será un Xacobeo innovador, capaz de promocionar unha Galicia cada vez máis tecnolóxica, máis dixital e máis comprometida cos sectores emerxentes. E un Xacobeo familiar, que conxugue os intereses e as visións de todas as xeracións e tamén de todos os colectivos, garantindo que sexa accesible a todos, con independencia da idade, da situación ou do lugar no que viva.