Feijóo pretende que o Xacobeo 2021 aumente o noso PIB nun 0'9%

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou esta mañá en Santiago o Plan Estratéxico do Xacobeo 2021 nun acto no que estiveron presentes membros da Igrexa, alcaldes dos máis de 120 concellos polos que transcorren os camiños, asociación xacobeas e culturais e directivos turísticos. 

Feijóo aproveitou a ocasión para facer un chamamento ao conxunto da sociedade para que o próximo Ano Santo faga medrar o Produto Interior Bruto de Galicia un 0,9% e cree 11.500 empregos a tempo completo nos próximos catro anos, desde hoxe ata 2022, o último exercicio que se verá influenciado directamente polo Ano Santo.

“Temos claro que o Xacobeo é de todos. As galegas e os galegos temos o dereito de vivir o Xacobeo, de desfrutalo, pero tamén temos o deber de preparalo, de enriquecelo, cada un desde as súas respectivas responsabilidades, individuais ou colectivas”, aseverou.

Feijóo reivindicou a diversidade da folla de ruta presentada, que conta con achegas de máis de 600 persoas, entidades, organizacións políticas e peregrinos, facendo fincapé en que “o traballo que todos os galegos tempos arredor do Xacobeo non remata aquí, senón que comeza”. 

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta afirmou que “non cabe dúbida de que aproveitar os seguintes Anos Santos como plataforma para ensinar a Galicia que queremos ser na próxima década é un obxectivo ambicioso”, pero asegurou que “temos unha vantaxe que nos permite facelo coa preparación debida: hai tempo suficiente”.

Neste sentido, explicou que “levamos preparando esta cita desde hai anos, e con aínda máis intensidade desde agora, aínda a ano e medio para que se abra a Porta Santa”. “Desde logo na Xunta xa levamos a cabo iniciativas importantes, que creo que nos sitúan na mellor situación respecto a calquera outro Ano Santo anterior”, abundou, afirmando que Galicia está en mellor situación porque o feito peregrino está no seu mellor momento –hai un 20% máis de peregrinos que en 2010, dos que o 65% son internacionais e 35% nacionais, e superouse a barreira dos 300.000 peregrinos-, e porque “sentamos as bases para ensinarnos ao mundo nas mellores condicións”.

Co obxectivo de seguir preparando Galicia para estar no seu mellor momento, o presidente recordou –como xa se anunciou en días pasados- que o Plan estratéxico do Xacobeo 2021 garante con recursos suficientes ese compromiso da Xunta, que incorpora un mínimo de 247 millóns de euros para os próximos anos, o que supón triplicar o esforzo orzamentario dedicado ao anterior Xacobeo. De todos os xeitos, fixo fincapé en que é unha cantidade que agarda que se poida incrementar “unha vez que se despexe o escenario político a nivel nacional”, isto é, que o Goberno central poida concertar o alcance e o contido de compromisos que ten adquiridos.