Conferencia sobre las variedades, singularidades y vino del Ribeiro en Aranda de Duero

Esta mañá o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro, Juan M. Casares, impartiu en Aranda de Duero unha conferencia titulada “Denominación de Origen Ribeiro. Zona, variedades, singularidades y vinos”.

Este relatorio desenvolveuse no marco do curso de verano “Convivencia de la tradición y la innovación vitivinícola” que se celebra entre os días 1 e 4 de xullo na Casa da cultura de Aranda. Está organizado pola Universidade de Burgos, o Concello de Aranda de Duero e o CRDO Ribera del Duero; baixo a dirección de Mª Pilar Rodríguez de las Heras, Alberto Tobes Velasco e Mª Luisa González San José.

Durante a súa intervención, o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares, fixo unha exposición global das características da Denominación de Orixe que representa tanto dende o punto de vista xeográfico, edafolóxico, climatolóxico coma enolóxico. O tempo permitiu tamén relatar a base histórica da entidade de calidade vitivinícola máis antiga de Galicia, e unha das máis veteranas de España, e presentar a campaña “O Camiño do viño” que desenvolve a Ruta do Viño do Ribeiro co apoio do CRDO Ribeiro, o Xeodestino O Ribeiro-Carballiño e a Deputación Provincial de Ourense.

Juan Casares salientou o bo momento que vive o viño Ribeiro avalado pola gran cantidade de  galardóns recollidos no que vai de ano 2019 e fixo fincapé nas potencialidades do territorio vitivinícola ribeirán como presente máis sobre todo como futuro, “o máis importante non é o que o Ribeiro está a dicir hoxe; o fundamental é o que vai demostrar nos vindeiros anos”.

No marco do relatorio Juan Casares falou do momento crítico que o mundo rural vive en España e Galicia por iso “volveu a reivindicar o mundo rural como un espazo de oportunidades que é preciso potenciar con estratexias integrais e adaptadas ás súas potencialidades así como o papel fundamental dos consellos reguladores como axentes de vertebración e cohesión do territorio”.

Pola tarde desenvolvéronse dúas catas de distintos viños da Denominación de Orixe Ribeiro, presentada polo presidente e conducida polo director do curso Alberto Tobes Velasco.