De mercado medieval este vindeiro fin de semana en Alfoz

O Deputado de Turismo en funcións da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal Baamonde, xunto co alcalde de Alfoz, Jorge Val Díaz, e outros membros da corporación presentaron na Torre do Castelo de Castrodouro o XXI Mercado Medieval de Alfoz, que terá lugar os días 19 e 20 de xullo na contorna da Fortaleza de Pardo de Cela.

Durante a xornada haberá danzas medievais a cargo de Marco Uría, así como desfile de traxes medievais a cargo do Nabiño de Mondoñedo, que tamén conta cunha exposición de vestimentas de época no interior do castelo. Ademais terán lugar diferentes actividades para os máis pequenos; como paseos a cabalo, obradoiros de cestería, panadería, ou xogos tradicionais ou monicreques. Nesta edición o pregoeiro será Juanma Marrube, adestrador do Burela FS, veciño de Alfoz e que recentemente foi nomeado mellor adestrador de fútbol sala.

Vidal Baamonde sinalou que “durante estas dúas xornadas miles de persoas achéganse a este concello da Mariña, para coñecer parte do noso patrimonio, paisaxe, e historia, retrocedendo no tempo ata o ano 1483, no que apresaron ao Mariscal Pardo de Cela”.

Ademais o Alcalde explicou que “este ano é o primeiro organizamos directamente o mercado desde o Concello, deste xeito garantimos a súa continuidade favorecendo así que cada ano chegue a máis xente. Convido a todos os veciños da provincia a achegarse a nosa historia. Quero destacar a representación teatral que terá lugar o sábado e que estará presentada polo escritor Manuel Lourenzo, fillo predilecto do Valadouro e dirixida por Pedro López Murillo, xunto con un grupo de veciños voluntarios”.