Cumbia, hip hop e dance para arrancar os atardeceres no Gaiás


Os Atardeceres no Gaiás volven este mércores día 17 co concerto de Miss Bolivia, unha arxentina que fusiona cumbia, hip hop, dance, reggae ou funk para darlle visibilidade con ritmos de baile a problemas sociais, facendo especial fincapé na igualdade e na emancipación da muller.

Será o primeiro do ciclo de concertos gratuitos de verán que organiza a Xunta na Cidade da Cultura, patrocinado por Cervezas Alhambra, traendo un repertorio de cancións, que convidan a bailar cunha estratexia explícita de espertar consciencias sobre lacras sociais como a violencia machista.
O ciclo, que conta tamén coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM), retómas eo venres 19, con Ladilla Rusa, un dúo de xornalistas cataláns que garanten diversión tanto nos seus ritmos de electropop costumista arrabaldeiro, como nas súas letras ateigadas de ironía e retranca. Non faltarán na Praza Central da Cidade da Cultura a súa hipercoñecida Kit ou Macaulay Culkin, tema viral no Spotifty a nivel nacional ao superar as 800.000 reproducións.

Pechará os solpores musicados desta semana Betacam, novo proxecto do hiperactivo Javier Carrasco —membro de bandas como Rusos Blancos, Templeton ou Tulsa— quen conseguirá o sábado 20 transportar o público á escena musical dos 80 con pequenas perlas de pop electrónico de autor.

Estes tres concertos forman parte das 20 actuacións que compoñen o ciclo Atardecer no Gaiás, que se celebrará na Praza Central da Cidade da Cultura ata o 17 de agosto, nunha edición que lles dá visibilidade aos ritmos que triunfan na actualidade entre a xente máis nova, como é o caso dos tres artistas desta semana.