Reúne a presente edición desta revista unha temática diferenciada que, desde distintas visións e aparentemente, semellan desligados, sen ningunha relación casuística. Pois barruntamos que acabantecendo entre si cabos soltos, dalgún xeito confluíntes nunha dirección concordante (reservamos para a próxima ocasión a nosa opinión sobre a repercusión do control dos horarios).
A planificación dos contidos editoriais tiña contemplado reunir a voz e pensar das máis definidas correntes de interpretación e praxe da cociña que se fai en Galicia actualmente, na perspectiva e horizonte do xa próximo Xacobeo 2021, que xa se sinte sobre todo polo longo paréntese que supuxo esta cadencia de 11 anos.
A irrupción na actualidade dos controis horarios nos establecementos engadiu un punto de máxima actualidade e preocupación sectorial, de maneira que a Mesa de Redacción que ocupa as páxinas centrais desta edición acaba apuntándose o pico de máxima inquedanza, ao tempo que reactualiza reflexións sobre a mesa que ofrecerá Galicia diante da eclosión turística do inmediato bienio, desde interpretacións de vangarda, renovación da modernidade, ou tipicidade-tradicional.
Pola súa banda, o outro dos eixes de portada deste número, as catas de bocados neste caso enlatados, proporciona unhas preocupantes reflexións, especialmente no que atangue á autenticidade de orixe noso da popular sardiña. Sabemos que etiquetar coa procedencia “sardiñas das Rías Galegas” non digamos “sardiñas ou xoubas de Rianxo”, é unha misión pouco menos que imposible, un risco de mentira ou verdades a medias ou ausentes que somentes se sosteñen cando se imprime “elaboradas en Galicia”.
Pero elaborar, si -o noso potencial transformador é innegable- non significa que o produto sexa autóctono. De maneira que este pode ser un exemplo e un aviso a navegantes para unha oferta culinaria pública baseada no produto, sexa en interpretacións dos vangardistas, sexa en interpretacións dos clásicos. A política da Xunta de Galicia nestes últimos anos apostou por impulsar as vangardas en detrimento practicamente absoluto da cociña consolidada, ata o punto de que uns colectivos acumulan, ademais de outras dádivas institucionais, dispoñibilidades no seu orzamento de decenas de miles de euros, e outros non viron nin catro moedas na etapa da Axencia Galega de Turismo.
Non deberá haber ningún tipo de exclusións. Parece cabal un cambio de política a favor da pluralidade, e non só tódolos ovos na mesma cesta.