Chega o encontro co Bonito de Burela

Burela é bonita e o seu bonito é sinónimo de calidade pola forma artesanal de pescalo, respectuosa co medio e coa especie. Aquí calidade e trazabilidade están garantidas. Calquera época do ano é indicada para visitar esta fermosa localidade cantábrica da Mariña Lucense, pero esta fin de semana convén remarcala no calendario coa chegada da XXXV Feira do Bonito. 

Unha cita que acaba de ser recoñecida este mesmo mes como Festa de Interese Turístico Nacional, que non para de medrar e que reúne a máis de 10.000 persoas chegadas dende todos os puntos de Galicia e do resto de España e na que se serven uns 3.500 quilos deste príncipe azul dos mares.

Na carpa que se instala na explanada do porto burelense, líder en descargas deste prezado túnido, sérvese a ración de bonito, asado, en empanada e cocido, con pan incluído. Tamén se oferta marmitako (que vén sendo un guiso ou caldeirada) e salpicón.

Paralelamente á Feira do Bonito celébrase Produart, do 2 ao 4 de agosto, organizada pola fundación
Expomar, unha feira de produtos ecolóxicos e artesanais que promove a súa difusión e unha economía sostible, tal como sinala o alcalde, Alfredo Llano.

O túnido protagonista da festa gastronómica por excelencia de Burela distínguese por ter unhas grandes aletas peitorais e só se considera Bonito do Norte cando a peza sobre pasa os 4 quilos de peso e se captura no Cantábrico con anzol, durante a denominada Costeira do Bonito.