Celebramos cincuenta anos de carneiro ó espeto en Moraña

Corrían os anos vinte do século pasado cando a un morañés retornado da Arxentina se lle ocorreu probar a asar na beira do río Umia un carneiro ao estilo “pampero”, aberto en canal en forma de dobre cruz sobre unha estrutura de ferro, cociñándose pouco a pouco cunha brasa suave de madeira de carballo.

Un experimento que debeu gustar porque a costume quedou asentada na zona; comezaron a asarse carneiros ó espeto nos bautizos, nas vodas, nas festas patronais… Cando chegaron os anos 60 xa era toda unha tradición á que os veciños quixeron renderlle xusta homenaxe creando unha festa de xaltación que esta fin de semana cumpre nada menos que 50 anos.

Miles de persoas reuniranse unha vez máis baixo a carballeira de Santa Lucía no último domingo de Xullo para degustar carneiros asados sen présa, dispostos en círculos sobre as brasas dende as sete da mañá para conseguir unha carne tenra e suculenta, difícil de atopar nesta era do fast food na que vivimos. 

Os lotes de carneiro xa están esgotados, pero que ninguén se desanime. Aínda podemos acudir a desfrutar o ambiente da festa e a degustar os carneiros que se preparan nos establecementos hostaleiros de Moraña. 

Ademais, durante toda a fin de semana haberá actividades paralelas como unha festa da bicicleta, torneo de fútbol e música a cargo de grupos como a orquesta París de Noia, Dani Barreiro & Friends, Efecto Pasillo...