As treboadas que azotaron a provincia de Ourense a comezos desta semana deixaron cuantiosos danos materiais, sobre todo no concello de Monterrei, derrubando muros e cubrindo de lama as rúas das aldeas máis afectadas. Caeron intensas trombas de sarabia que tamén danaron parte dos viñedos amparados polas Denominacións de Orixe Monterrei e Valdeorras. Pero dende os consellos reguladores mandan unha mensaxe de tranquilidade, xa que as treboadas foron localizadas e respetazon a maior parte das zonas produtoras.
Dende o consello regulador da Denominación de Orixe Monterrei aínda están traballando para poder ofrecer estimacións concretas dos danos e consecuencias das treboadas. Confirman que hai viñedos afectados no concello de Monterrei, citando os situados en A Salgueira como algúns dos que levaron a peor parte.

Do mesmo xeito, dende Valdeorras aconsellan non ser alarmistas. Cifran os terreos afectados nun 20% e aínda que recoñecen que hai viñas moi tocadas tamén destacan que a meirande parte dos concellos que compoñen a denominación non se viron danados, polo que as perspectivas para a vendimia poden seguir sendo boas.
Neste caso as parcelas que sufriron o peor das treboadas están nos concellos de Rubiá, O Bolo e O Barco. E incluso aquí moitos dos racimos tan só se viron afectados de forma parcial, podendo salvar o resto con cicatrizantes. O problema sería se a viña se quedara sen folla, xa que non habería fotosíntese e perderiase todo, pero afortunadamente non foi o caso.