As embarcacións tradicionais reúnense en A Guarda

Este xoves deu comezo o XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, co izado de velas das naves participantes fronte ao concello da Guarda e unha inauguración oficial na que estiveron presentes os presidentes de Culturmar e a asociación Piueiro, a conselleira de Mar, Rosa Quintana e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba,entre outras autoridades.

Da importancia da festa como elemento dinamizador e divulgador do patrimonio marítimo e fluvial de Galicia falou na súa intervención o presidente de Culturmar, Manuel García Sendón. Pola súa banda, Joaquín Cadilla, presidente da Asociación Piueiro, emocionouse ao agradecer a voluntarios e veciños o enorme esforzo realizado nas últimas semanas para que a edición deste ano na Guarda sexa inesquecible para todos os participantes. 

Pola súa banda, o alcalde da vila agradeceu o enorme labor feito por Culturmar e pola Asociación Piueiro, agardando que esta edición “sexa todo un éxito en todolos aspectos”, sinalando que “nestes días coa vila engalanada con retazos do noso patrimonio, co volanteiro no muelle alto e sendo o epicentro da cultura marítima Galega con este Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, os veciños e veciñas da Guarda estámos volcados e ilusionados con este evento de valorización e promoción do patrimonio marítimo”. 

A partir de aí deu comezo un amplo programa de actividades que durará ata o domingo con visitas guiadas, obradoiros… Aínda que por suposto, a gran atracción será a exhibición das embarcacións fondeadas e varias navegacións programadas pola zona.