A XV Festa Artesanal de Pallares amosará os antigos oficios

A Deputada Provincial Pilar García Porto, xunto á Alcaldesa de Guntín, María José Gómez Rodríguez, e o Presidente da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Carlos Vázquez García, presentaron nos Xardíns do Pazo de San Marcos, a XV Festa Artesanal de Pallares que terá lugar, o domingo 11 de agosto no entorno do Mosteiro do Ferreira de Pallares, no Concello de Guntín. A Deputación colabora con esta cita realizando unha achega económica de 3.000 euros, sendo a principal patrocinadora da Festa e do Certame de Investigación Condado de Pallares.

García Porto sinalou que “un ano máis, dende a Deputación, colaboramos con esta iniciativa que contribúe a apoiar aos produtores artesáns, a dinamizar a economía local e a fomentar o turismo no interior da provincia, pois case un milleiro de visitantes achéganse a coñecer os oficios tradicionais nunha das feiras máis importantes deste Concello”.

A XV Festa Artesanal de Pallares reunirá, ao redor deste antigo mosteiro de Guntín, a uns 25 artesáns que amosarán antigos oficios, algúns deles xa case desaparecidos. Entre eles haberá cesteiros de Friol, ferreiros de Riotorto e queixeiros de Monterroso entre outros artesáns da ourivaría, olería, apicultura, etc. A gastronomía dos produtos autóctonos tamén estará presente nesta cita que, ao celebrarse no entorno do antigo Mosteiro de Ferreira de Pallares do século IX, tamén contribúe a dar a coñecer xoias arquitectónicas do patrimonio histórico provincial.

Programa
A XV Festa Artesanal de Pallares comezará ás 11:00 horas coa apertura do recinto. Durante toda a xornada de mañá, haberá demostracións en vivo de oficios tradicionais como talle de pedra e madeira, traballo de coiro, forxa, apicultura, tear, olería ou cestería, entre outros. Ás 13:00 horas, os visitantes poderán degustar gratuitamente filloas elaboradas por tres filloeiras da Muimenta. A continuación, ás 13:15 horas, terá lugar a lectura do pregón a cargo de Xosé Luis Vázquez Somoza, profesor do IES Lucus Augusti e socio fundador da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares. Ademais, haberá diversas actuacións musicais que amenizarán este encontro festivo que rematará cun xantar de confraternidade.